Galiza, exportadora neta de recursos

Son moitas as análises respecto dos problemas que ten na actividade industrial Alemaña, a locomotora da UE, sendo esta fundamental para impulsar a economía a medio e longo prazo. Entre os motivos sen dúbida están o aumento do prezo da enerxía e materias primas, tanto sexa pola guerra na Ucraína e as sancións a Rusia, como polo afastamento nas relacións comerciais con China. Non é o único país con problemas da UE, e aínda que o Estado español aproveita o tirón do sector turístico, o certo é que a produción industrial caeu durante o ano pasado no -1,9%. 


Este retroceso foi moito maior na Galiza, do -2,9% en 2023, e, o máis grave é que se trata dunha tendencia regresiva cun importante efecto negativo sobre o emprego no sector que pasou de 210.200 persoas en decembro de 2008, a 174.700 neses mesmo mes de 2023. Perdéronse neste período 34.500 empregos nos últimos 15 anos!!! nunha actividade económica que ten un efecto multiplicador. 


Son datos que reflicten o peche ou redución de produción en sectores tan importantes como o do aluminio, construción de aeroxeneradores, conservas de peixe...  


Para alén das declaracións da Xunta de Galiza respecto da preocupación pola situación, e que seica está a impulsar algúns proxectos estrela, estes poucas veces se cristalizan, ou son cuestionados polos residentes por levar engadidos grandes problemas ecolóxicos. O certo é que ademais a actividade industrial que subsiste ou vaise instalar, agás algunhas excepcións meritorias, suman como conxunto novos aspectos negativos en termos de futuro. Cada ano que pasa ten na Galiza un papel máis importante o capital foráneo e polo tanto vai en aumento o carácter subalterno que cumpre a nación galega, non só respecto dos ingresos, senón tamén do investimento dos excedentes no exterior, dando pulo a un circulo vicioso, que hai que superar axiña.  


Entre xaneiro e setembro de 2023 as empresas galegas investiron no exterior do Estado español (EE) 976 millóns de euros, e recibíronse 416 millóns. 


No ano 2022, nese mesmo período investiuse no exterior do EE 2.378 millóns e recibíronse 179 millóns. As diferencias son notábeis, confirman un rol na cadea de valor dunha economía dependente que hipotecan o valor engadido da actividade industrial, a creación de emprego e lastran os ingresos salariais.


Evidentemente hai excepcións, mais a tendencia deixa en evidencia que a evolución dominante é a dunha economía secuestrada, que exporta man de obra cualificada e capital, que necesitaría para o seu desenvolvemento. 

Galiza, exportadora neta de recursos

Te puede interesar