Mestras traballan na mellora da educación a través dos videoxogos

Mestras traballan na mellora da educación a través dos videoxogos
As profesoras de distintas disciplinas universitarias María Bobadilla, Ana Ares, Luz Castro, Tania Gómez e Iria Santos | CEDIDA

Un proxecto europeo da UDC,  liderado dende a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol –EPEF–, presenta o obxectivo principal de mellorar os plans de estudo da educación secundaria en Europa e potenciar as capacidades tanto do profesorado como do alumnado mediante a introdución de enfoques interdisciplinares utilizando os videoxogos.


Este labor de innovación docente está liderado, en representación da UDC, pola profesora da EPEF, que tamén é coordinadora do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro. No proxecto colabora outra mestra do Campus Industrial de Ferrol, a profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial –EUDI–, Ana Ares, ademais dos profesores da Facultade de Ciencias  da Educación do Campus da Coruña, María Bobadilla e Eduardo Barros.

 

A iniciativa, que tamén pretende incentivar o pensamento crítico, a resolución de problemas e a intelixencia emocional entre o estudantado de secundaria de todo o continente europeo, leva o nome de Proxecto Europeo Erasmus+ “Incorporating Interdisciplinarity in Secondary School Education Using Conflict Video Games –InterGames–”.


Esta proposta está coordinada pola organización non gubernamental Südwind de Austria. Este consorcio está composto por outras dúas ONG, Citizens In Power de Chipre e Progettomondo de Italia; a empresa Helixconnect de Romanía, a UDC en España, e os centros de educación secundaria Björkhöjdskolan de Suecia e a Bundeshandelsschule Linz International Business School de Austria.


“InterGames” está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e conta cun orzamento de 400.000 euros. A Universidade da Coruña dispón de 63.450 euros para poñer en marcha, antes de finais de 2025, un Laboratorio Virtual de Aprendizaxe para a formación do profesorado de Secundaria, un informe científico que avalíe a eficacia da aprendizaxe interdisciplinar nesta etapa formativa, así como a elaboración de material complementario para os centros. 

Mestras traballan na mellora da educación a través dos videoxogos

Te puede interesar