Germán Castro: “Hai entre os papeis cartas que se cruzaron Vicetto e Murguía até a súa ruptura”

O xornalista prepara un libro sobre o historiador e escritor ferrolán
Germán Castro: “Hai entre os papeis cartas que se cruzaron Vicetto e Murguía até a súa ruptura”
El exdirector de Diario de Ferrol trabaja en los archivos de Vicetto, propiedad de la familia Deaño Gamallo I D. Alexandre

O xornalista Germán Castro é a primeira persoa que accede directamente aos arquivos de Vicetto cos que se fixo Dionisio Gamallo. Agora está a preparar un libro sobre unha figura que, sostén, non ten o recoñecemento que merece. 

 

É vostede o primeiro, á marxe de Gamallo, en traballar co arquivo do escritor e historiador ferrolán. Como chegou até el? 
En efecto, fun a primeira persoa que acudiu ao arquivo de Gamallo Fierros para interesarme polos papeis de Vicetto. Podía ter sido calquera outro interesado, xa que non era segredo que a documentación do historiador, novelista e poeta ferrolán fora parar ás mans do polígrafo ribadense, cuxo arquivo quedou baixo o coidado do seu sobriño, o profesor e escritor Antonio Deaño Gamallo, persoa exquisitamente afable ao que sempre agradecerei as facilidades que me deu para satisfacer a miña curiosidade. Eu gardaba o artigo que escribira o que foi Cronista Oficial da Cidade, Ricardo Nores Castro, que foi quen aclarou que o arquivo de Vicetto estaba en poder de Gamallo Fierros. “Su archivo no se ha perdido y se halla en manos de Dionisio Gamallo Fierros”. Así titulaba Nores Castro a súa colaboración no xornal local Ferrol Diario, con data 28 de maio de 1969, coincidindo co 91 aniversario do pasamento de Vicetto. Una vez xubilado, entre os moitos proxectos que barallaba era non tanto escribir un libro como facer unha reportaxe sobre a documentación que sabía que se gardaba en Ribadeo, iniciativa que levei a cabo antes da pandemia e que proseguín, tras a obrigada paréntese por razóns sanitarias, en sucesivas visitas periódicas. Á vista da cantidade de material que alí revisei decidín cambiar de opinión e meter o resultado da consulta en soporte libro. E nesas andamos.


Pode adiantar algo do que hai nese arquivo? 
Os catro cartafoles revisados conteñen cartas manuscritas de ilustres personaxes da época, como Pondal, Nicomedes Pastor Díaz, Montero Aróstegui, o naturalista Víctor López Seoane, Victorino Novo y García ou Alfredo Vicenti, entre outros, así como a correspondencia epistolar que se cruzaron Vicetto e Murguía ata que romperon a súa relación. Existen tamén moitos papeis que gardan relación coa folla de ruta que seguiu o historiador ferrolán como oficial de prisións: tomas de posesión, remuneracións, tempos de servizo… Tamén moita poesía, recortes de periódicos, exemplares dalgunha das obras de novela histórica, apuntamentos e correccións da Historia de Galicia e textos relacionados coa polémica de índole teolóxica que mantivo co Arcebispo de Santiago.

 

En que estado se atopa o material?
Está en bo estado. Advírtese que Dionisio Gamallo Fierros, na procura de salvar o deterioro do papel, mecanografou bastantes documentos, sobre todo cartas, o que facilita o labor do investigador que pode, á súa vez, contrastar cos manuscritos.

 

Cre que esa documentación pode axudar a mudar a imaxe que proxectou Murguía sobre o escritor ferrolán?
O libro pretende reivindicar a revisión da figura e obra de Benito Vicetto para situalo no lugar honroso que lle corresponde. É sabido que boa parte da elite literaria e intelectual galega consagrou a liña canonizadora de Murguía colocando a Vicetto no descrédito e no esquecemento. Contribuíron a isto dous factores: a descualificación que lle propina o Patriarca en “Los Precursores” e o feito de sobrevivir a Vicetto moitos anos. Que sucedería se o ferrolán vivise ata os noventa como Murguía? Entre o material consultado no arquivo de Vicetto e outras investigacións en redes, hemerotecas e bibliotecas dixitais, estudos historiográficos, testemuños de esgrevios á sua morte etc, pretendo, desde a modestia, contribuír a desagraviar ao historiador, novelista, dramaturgo, poeta e xornalista. Non pretendo, pobre de min, mudar a imaxe de Murguía, pero si desde a humildade mudar a imaxe de Vicetto. E creo que todo o que se vén de activar ultimamente como as xornadas do bicentenario do seu nacemento, organizadas polas sociedades culturais Medulio e Ferrolterra Antiga, contribúen a ese obxectivo. A mellor proba témola en que impulsores das citadas actividades e ponentes das diferentes mesas redondas lograron xa que o Concello de Ferrol nomeara a Vicetto Pérez fillo predilecto. O libro si vai aportar datos que aclaran ou negan determinados feitos puntuais como, por exemplo, a dúbida que suscita o achádego dun artigo no que Vicetto confesa que é “hijo de Esteiro, criado en Esteiro”, o que coincide coa circunstancia de que os seus pais viviron na rúa San Fernando, número 34. Escribiuse tamén que o pai, ao quedar viúvo da primeira muller italiana, casou cunha viguesa, e non é certo. O proxenitor tivo a primeira muller italiana, Angela Berme (Verme), e a segunda, Josefa Cachupina, ferrolá, da que tamén quedou viúvo e sen sucesión, e finalmente a terceira, Josefa Pérez Vázquez, tamén ferrolá, da que tivo cinco fillos –aquí tamén hai erros–un varón, Benito, e catro mulleres: Juana, Micaela, Petra e Victorina. Os datos que ofrezo son extraídos do testamento do pai. Pero hai algunhas outras novidades máis que lle proporcionan valor a interés ao futuro libro. 

Germán Castro: “Hai entre os papeis cartas que se cruzaron Vicetto e Murguía até a súa ruptura”

Te puede interesar