Ser Ferrol

Estes días, quizais, sexan un bo expoñente de como a cidade vai por un sitio e a política local por outro. Cantos de vostedes seguiron polo miúdo o último pleno municipal? Cantos saben dos favores que lle imos facer á Xunta asumindo competencias súas na nova proposta de orzamentos? Das promesas incumpridas, que leva a subir a presión fiscal ou a non facer desaparecer o radar da Malata?


Nin sequera a Semana Santa ferrolá serve para debater sobre o tipo de turismo que queremos. Mais, cales son esas novas propostas para facer fronte a ese malestar que, a poucos, vaise instalando na poboación local contra a masificación, así como contra os pisos turísticos e os barrios con estrés?


Somos e temos os mesmos problemas que calquera cidade europea. Hai moitas persoas que apostamos por un Ferrol vivo, onde o dereito á cidadanía sexa real. Unha cidade onde desenvolver cada proxecto de vida, onde a propaganda non afogue o día a día dos seus moradores. Onde a paixón sexa pola boa vida e o sufrimento unha cuestión da estética cultural. A pesar da choiva Ferrol está tomada pola xente, que ten gañas de vivir. Talvez por iso, o primeiro sexa ter fe en nós mesmos e nesta cidade que está a carón do mar. Ser Ferrol.

Ser Ferrol

Te puede interesar