Lucía Pérez, O Talentiño: “Este tipo de concursos son unha boa escola para os artistas”

A artista, que ten nexos familiares coa cidade e tamén coa vila de Cedeira, xa está espallando o concurso por distintos puntos de Galicia
Lucía Pérez, O Talentiño: “Este tipo de concursos son unha boa escola para os artistas”
O Talentiño nace das entidades veciñais de Canido e este ano está organizado polo Concello de Ferrol | Daniel Alexandre

A seguinte edición do Talentiño celébrase o día 11 de maio e o prazo para as candidaturas, que se poden realizar na súa páxina web, remata o próximo martes. A cantante Lucía Pérez, ademais de formar parte do xurado, é unha das fundadoras do certame ferrolán.


A artista, que ten nexos familiares coa cidade e tamén coa vila de Cedeira, onde veraneou moitos anos por ver á súa bisavoa, xa está espallando o concurso por distintos puntos de Galicia. Segundo informa Lucía Pérez, algúns dos próximos destinos xa están confimados. Tanto O Talentiño como a cantante foron finalistas nos Premios Martín Códax.


Esta iniciativa diríxese a mozos de entre 12 e 18 anos que canten, interpreten instrumentos, realicen espectáculos de variedades ou practiquen a danza, tanto lírica como urbana. Como indica Pérez, arredor dunha semana antes do evento publicarán os finalistas que competirán, coma na primeira edición, no centro cultural Torrente Ballester.


“A miña experiencia sempre foi moi positiva neste tipo de concursos”, declara a promotora, que entende o encontro como algo máis que unha oportunidade para poder mostrar os talentos propios. Tamén posibilita “enfrontarse a situacións que enriquecen para a vida, vaias ou non dedicarte a isto”, declara Pérez.


Ademais, o feito de subir enriba dun escenario é unha forma de practicar, xa que “este tipo de concursos son unha boa escola para a xente que se queira dedicar ao mundo artístico”, sinala a cantante. “Estou moi a prol porque eu nacín deste tipo de concursos”, engade a voz galega que chegou até Eurovisión. Segundo a artista, a pasada edición foi unha sorpresa, xa que era a primeira, e foi un éxito tanto na cantidade de inscricións, como no nivel dos talentos e na asistencia do público. Este ano, os 50 primeiros inscritos terán a oportunidade de participar nun sorteo exclusivo, que se anunciou no Instagram oficial do certame. 

 

Produción musical


Por outro lado, os gañadores do Talentiño, ademais do vale por 200 euros e formar parte do catálogo de novas promesas, poderán participar en entrevistas e serán incluídos nun vídeo, que serve como plataforma adicional para a divulgación do seu talento. En calquera caso, todos os participantes recibirán diplomas e regalos especiais. Lucía Pérez acaba de volver colaborar co cantor portugués Zé Amaro, no tema “Yo te prometo”. O plan é realizar unha xira de verán e cara o inverno reunir os “singles” recentes nun disco. 

Lucía Pérez, O Talentiño: “Este tipo de concursos son unha boa escola para os artistas”

Te puede interesar