A CIG reivindicará no Primeiro de Maio "un traballo digno sen precariedade"

Sairá o mércores ás 12.00 horas do local do sindicato en Esteiro
A CIG reivindicará no Primeiro de Maio "un traballo digno sen precariedade"
Unha imaxe da mobilización do ano pasado I Daniel Alexandre

A Confederación Intersindical Galega (CIG) manifestarase este mércores co gallo do Día Internacional da Clase Obreira co lema "Stop precariedade, traballo digno". A marcha sairá ás 12.00 horas do local do sindicato na avenida de Esteiro e dirixirase por Españoleto cara á rúa Real para rematar coas intervencións no Cantón. Na comarca tamén haberá concentración nas Pontes, á mesma hora, na Praza de América.

 

O secretario comarcal da central nacionalista, Manel Grandal, explicou esta mañá na presentación dos actos que, "tendo en conta o propio carácter do Primeiro de Maio, o internacionalismo proletario e a solidariedade entre a clase traballadora", tamén se fará un "chamamento á paz e contra un imperialismo que avanza a pasos axigantados". "As guerras móntanse sempre por intereses económicos, de aí que se alguén está lexitimado para pedir a paz son as clases populares e a clase traballadora, que son realmente quen sofren as consecuencias das guerras", engadiu. 

 

Grandal sinalou que este Primeiro de Maio é un punto seguido dunha campaña que, co mesmo lema, principiou hai xa tres meses. "Hoxe en día traballar non significa ter acceso a unha vida digna. Moitas familias non chegan a fin de mes e iso nótase moito máis nos sectores máis desfavorecidos, como mulleres, mozos e tamén familias monoparentais", afirmou antes de apuntar tamén ás administracións como responsables da precarización. "Son quen máis contratan, permitindo as subcontratacións ou a privatización de servizos. O caso do Servizo de Axuda no Fogar é paradigmático neste sentido", dixo o secretario comarcal. 

 

"Obviamente, a pobreza laboral non vén só pola precariedade, tamén polo incremento do prezo da cesta da compra", apuntou Grandal, que puxo sobre a mesa as medidas que propón a CIG para "combatela". O primeiro, subliñou, "é derrogar as reformas laborais, nomeadamente a de 2012, que foi dramática para a clase traballadora, pero tamén é certo que a do PSOE-Podemos de hai tres anos precisa dun cambio radical". Este, engadiu, debe pasar "pola valentía de gobernar e pór medidas enriba da mesa que corten a piratería que están utilizando os empresarios e tamén a administración, que moitas veces mira para outro lado coa intención de maquillar a situación desde o punto de vista dos números: abuso dos fixos-discontinuos, eventuais, despedimentos nada máis rematar o contrato de formación etc."

 

O secretario comarcal da CIG sinala que a reforma laboral debe estar "encamiñada ás novas realidades do mercado laboral, pero tamén aos avances tecnolóxicos, e aí é vital falar da redución de xornada", un debate no que, lembrou, "ten cabida a nosa proposta de renda básica".

 

A CIG reivindicará no Primeiro de Maio "un traballo digno sen precariedade"

Te puede interesar