Canido supera as expectativas de asistencia na tradicional comida veciñal

Canido supera as expectativas de asistencia na tradicional comida veciñal
A meteoroloxía provocou que o encontro de convivencia popular se trasladara ao patio do CEIP Cruceiro de Canido como medida preventiva | JORGE MEIS

A melloría radical do tempo no último día da Festa dos Maios de Canido propiciou que máis xente da prevista se sumara á celebración. Unha das citas do domingo nas que máis se percibiu este aumento de participantes foi a comida veciñal, na que case tiveron que duplicar as cadeiras dispoñibles desde primeira hora.


“A xente estase botando á rúa nestes últimos momentos da Festa dos Maios”, celebrou Roberto Taboada, presidente da asociación de veciños de Canido. A comparación do número de asistentes que concorreron nos Maios de Canido con respecto a edicións pasadas é difícil de establecer debido a que “este ano sufrimos a inclemencia do tempo de forma máis severa que noutros anteriores”, sinala Taboada.


Lonxe de prexudicar o traslado tanto do encontro da comida veciñal como do Toldo da Tafona até o CEIP Cruceiro de Canido, este responsable declara que “foi un mérito moi grande porque se concentraron as dúas actividades de convivencia nun mesmo espazo próximo, o que creou un gran tránsito de xente”.
As primeiras previsións de asistencia ao banquete popular dispuxeron 350 cadeiras. Non obstante, segundo comunicou Roberto Taboada, xa a primeira hora da mañá, cando se marcaron nas mesas as primeiras reservas, a organización tivo que solicitar que trouxeran 250 asentos máis.


O mobiliario para a comida foi proporcionado pola Autoridade Portuaria, como “un favor que fai co barrio desde hai un par de anos, aínda que non somos territorio de costa, para colaborar con nós nesta loxística”, apunta o presidente da asociación. Á marxe das 600 cadeiras que a organización reuniu en total, Taboada notifica que houbo xente que acudiu coas súas propias mesas até o patio do colexio.


Ademais, o membro da directiva nomeou as rúas Alonso López, Lili e algunhas zonas da Alegre por constituír os puntos nos que os veciños se congregaron para comer en familia, fóra da localización establecida polo programa da Festa dos Maios.


O presidente da asociación indicou que nos últimos momentos do día aínda continuaba un gran nivel de animación por diversos puntos do barrio. “O parque Antón Varela segue cheo de rapazada coas súas familias”, resaltou Taboada, que deu conta da oferta de xogos tradicionais, europeos e internacionais que ofreceron as organizacións Picos do Sol, Xeración e Mobilidade Humana.


Do mesmo xeito, o público participante na comida celebrada no patio do centro educativo permaneceu no espazo pasada a hora prevista para a fin do evento, algúns tocando música cos seus propios instrumentos para alongar a festa. A pesar da climatoloxía adversa que, segundo afirma o presidente da asociación veciñal, impediu desenvolver algúns concertos o venres pola tarde e obrigou a “ter outros en precario o sábado ao mediodía, resistimos e fíxose o resto do programa”, resume.


A xornada de clausura dos Maios deu un empurre á celebración en xeral, xa que aparte de constituír un dos días máis importantes para o barrio, debido á programación de citas que animan á convivencia, foi o momento no que as fachadas e rúas luciron máis decoradas. “Hoxe rematamos cunha extraordinaria xornada de convivencia, tanto co Toldo da Tafona e coa comida veciñal”, conclíu Roberto Taboada. 

Canido supera as expectativas de asistencia na tradicional comida veciñal

Te puede interesar